A campaña das pasadas eleccións galegas do 18 de febreiro foi un punto de inflexión para a política do noso país. Os comicios estiveron moito máis presentes para a cidadanía do que tende a ser habitual. É dicir, por fin se falou das eleccións galegas, en Galicia e fóra dela.
A profesionalización da comunicación política vai a paso lento no noso territorio, pero xa se ten avanzado moito. Se ben os partidos contan cos seus gabinetes e con persoas formadas arredor desta cuestión, é certo que é necesario ir un paso máis aló. As características concretas da política galega fan que sexa complicado para os partidos da oposición posicionarse na esfera pública.
Vemos que o PPdeG está moi establecido, presente en todos os concellos e ocupando moito espazo nos medios máis importantes do país. É por iso que o resto de formacións teñen que innovar e nesta campaña vimos como o BNG foi quen de detectar as súas necesidades e facer un traballo impecable. O seu equipo de comunicación buscou transmitir mensaxes en positivo, mobilizar á xente e dárlle, despois de moitos anos, a esperanza de que había posibilidade de cambio.
O equipo de Xacias participou na campaña do BNG a través da creación dun spot electoral para o que traballamos man a man con Alberto da Silva Castro, director audiovisual do proxecto. Xuntos abordamos todo o proceso de elaboración dun vídeo destas características, desde o pensamento da idea ata a produción, gravación e edición do material.
Esta campaña mostrábase como histórica. Despois da marcha de Feijóo para Madrid, semellaban as eleccións máis abertas dos últimos tempos, cunha ventá de oportunidade para o PSdeG e o BNG. O partido de Ana Pontón puxo todos os esforzos en demostrar que o cambio era posible e que ela sería a líder do novo goberto.
Moitas veces os galegos e galegas temos unha falta de autoestima sobre o noso e sobre o que se pode conseguir. A través deste spot, quixemos por na voz da candidata, Ana Pontón, moitos deses logros que fixeron realidade persoas da nosa terra. Por iso falamos de cuestións como os títulos do Dépor, a Cuncha de Ouro do Corno ou os éxitos das Tanxugueiras.
Buscamos así demostrar que si se poden lograr cousas extraordinarias, como pasou noutras ocasións. A través deste relato tiramos de épica, grazas aos exemplos, pero tamén do sentimental. O spot quere mobilizar á par de emocionar, trasladando esperanza e apelando ao sentimento de pertenza ao país con toda a súa complexidade e diversidade.
O vídeo publicouse o 15 de febreiro, a tres días das eleccións, polo que estábamos nos momentos máis importantes da campaña. As últimas horas antes da xornada de reflexión son as máis intensas e decisivas. Na actualidade, moita xente decide o voto pouco antes dos comicios, polo que as accións do final de campaña teñen que estar moi medidas e teñen un papel protagonista.
O spot acadou en pouco tempo moitas reproducións e reaccións nas diferentes redes sociais. Agora mesmo, o vídeo ten 760.200 reproducións en X, ademais de 1.400 rechíos, 449 citas e 3.400 gústame; en Instagram conta con 245.000 reproducións e 161 comentarios; e en YouTube 6.227 reproducións e 252 gústame.
Doutra banda, o feedback recibido por esta acción de campaña por parte de profesionais de alta reputación do sector no ámbito estatal e nacional foi unánime. «Este spot del BNG es, posiblemente, el mejor spot de campaña que se ha hecho en España en los últimos tiempos», sinalaba en Javier Sánchez González, membro do equipo da prestixiosa consultora política Souto Communications. Júlia Ojeda Caba, doutora e investigadora na UOC, describía o spot así: «Quina meravella de vídeo final: perspectiva autocentrada, consciència lingüística, referents populars i d’alta cultura propis, activisme ecologista i consciència de ser una comunitat política nacionalment orgullosa. Que guanyin diumenge i que siguin far!».
Asemade, o vídeo obtivo o recoñecemento de importantes figuras da compol na nosa terra. Para o sociólogo e investigador de política e cultura dixital, Iago Moreno, «cada spot é unha obra mestra», mentres que para o xornalista e consultor, Duarte Romero Varela, a noso «videazo» amosa que «hai outra Galiza, que non saímos nos vídeos do Xacobeo, que estamos agardando por un goberno que nos represente». O analista político, Lucas Álvarez Pérez, resaltaba que para el «este spot é unha barbaridade. A campaña do BNG realmente será de estudo e vai entrar entre as mellores da historia electoral galega».
Con todo, o máis importante foi o retorno recibido pola destinataria final do vídeo: a militancia do BNG e a sociedade galega. Máis alá do mundo compol, realizáronse en redes sociais milleiros de comentarios e apuntamentos arredor do spot. «Este vídeo fíxome chorar» foi unha das expresións máis repetidas. Todos os comentarios arredor do spot falaban de que os emocionara, da boa escolla das referencias e metáforas e tamén do sentimento de pertenza xerado. É dicir, conseguíranse os obxectivos marcados cando se concibiu a acción comunicativa.
Xacias ten un equipo especializado en comunicación política, con politólogos e xornalistas con experiencia no sector e con mestrados centrados neste ámbito. Se buscas unha consultoría que xestione a comunicación do teu partido ou unha axencia para unha campaña concreta coma este spot, contacta connosco!