- A relación entre o deporte e a política é un tema que suxire moito debate á hora de proclamar se estes dous conceptos deben ir da man ou complemente separados.
- As eleccións lexislativas francesas e a Eurocopa de fútbol que se está a xogar en Alemaña serven de exemplo perfecto para afondar neste binomio deporte-política.
Ao longo das eleccións lexislativas francesas, algunhas das voces máis recoñecidas do vestiario galo tomaron a palabra para expresar a súa opinión sobre o contexto político do seu país. O paulatino crecemento da extrema dereita é unha realidade na maioría de estados membro da Unión Europea. Francia non constitúe ningún rara avis e a súa expresión deste crecemento é o imparable ascenso de Marine Le Pen. O resultado acadado pola extrema dereita francesa nas europeas obrigou a Macron a convocar eleccións lexislativas.
A primeira volta celebrouse o domingo 30 de xuño e saldouse cunha vitoria relativa do Rassemblement National. O que aconteceu este pasado domingo 7 de xullo deulle a volta por completo aos resultados. O Noveuau Front Populaire conseguiu gañar as eleccións converténdose na forza máis votada, seguida dos partidarios do presidente Macron e cunha Marine Le Pen que abandonaba o primeiro posto para ser terceira forza na Asemblea gala.
Mbappé e os «extremos»
O primeiro en manifestarse foi a estrela e capitán da selección francesa, Kylian Mbappé. O atacante parisino entrou de cheo na campaña electoral despois das súas declaracións en rolda de prensa. Mbappé sinalou a urxencia de frear o avance dos extremos, en referencia ao RN de Marine Le Pen. “Pido aos máis mozos que acudan a votar”, dixo o futbolista francés nunhas declaracións previas á celebración da primeira volta das eleccións lexislativas convocadas polo presidente da República, Emmanuel Macron.
O xornalista da Cadena SER, Vicenç Batalla, analizou as palabras do capitán francés. Segundo Batalla, Mbappé “non está tomando partido directamente, pero enténdeselle todo porque está pedindo á mocidade que, coma el, son fillos de inmigrantes de barrios suburbiais do leste de París, que acudan a votar. Un dos factores das vitorias do RN é a gran abstención da xuventude que reside nas zonas de renda máis baixa”. Mbappé, fillo de nai de orixe arxelina e pai camerunés, natural do barrio popular de Bondy (París) é un referente directo para moitos mozos e mozas que, coma el, son descendentes de inmigrantes.
Doutra banda, varios compañeiros de selección de Mbappé tamén mostraron a súa preocupación polo rumbo que esta a tomar o seu país. Ousmane Dembélé, Marcus Thuram ou Jules Koundé manifestáronse en contra do ascenso do RN de Marine Le Pen. Estes xogadores están a tomar relevo do testigo que deixou Zinedine Zidane a principios de século, cando tamén fixo público o seu rexeitamento ao pai de Marine Le Pen, Jean-Marie Le Pen.
O caso do defensa francés, Koundé, é especialmente ilustrativo, xa que se atreve a sinalar directamente ao RN como un partido que vai en contra das liberdades e da pacífica convivencia multicultural. Estas son algunhas das súas declaracións máis recentes.
C'est un jour important pour la France et pour son futur. Par les temps qui courent, voter est un devoir autant qu'un droit.
— Jules Kounde (@jkeey4) June 30, 2024
La force de la démocratie, c'est que chaque voix compte et que chacun est libre de donner son opinion.
Pour ma part, je vois que l'extrême droite n'a…
En contraposición aos xogadores franceses, en España parece existir unha corrente diferente. Son moitos os xogadores que expresan que prefiren non falar de política, argumentando que eles son profesionais do deporte e non deben falar do que “non lles corresponde”. O caso máis recente é o do porteiro da selección e do Athletic Club de Bilbao, Unai Simón, que fixo unhas declaracións nos termos aos que nos referimos anteriormente, fuxindo de expresar a súa opinión política.
Unai Simón, sobre el discurso político de Mbappé:
— Relevo (@relevo) June 17, 2024
💬 "Kylian es una persona con mucha repercusión en el mundo y en la sociedad".
💬 "Tenemos tendencia a opinar de ciertos temas cuando no sé si deberíamos".
💬 "Soy jugador de fútbol y sólo debería hablar de temas deportivos". pic.twitter.com/DePsvQDAcU
O auxe da extrema dereita
En termos comunicativos, o ascenso da extrema dereita europea e francesa, neste caso, pode explicarse por varias razóns. A mocidade é o sector electoral máis abstencionista, isto é un feito. Pero, por que é así? Están os partidos tradicionais conectando coa xente máis moza? Ou son estes partidos os que non lles están a dar motivos aos máis mozos para acudir a votar?
No ecosistema dixital, que é o escenario onde se desenvolve a meirande parte da xuventude, están a acontecer moitas cousas e a maioría de nós non somos conscientes. Dos partidos tradicionais xa, nin falar.
Un exemplo a nivel español é Alvise Pérez. Este axitador de extrema dereita é unha figura moi coñecida nas redes, onde conta con 511.708 seguidores en Telegram e 911.000 en Instagram. A súa plataforma Se Acabó La Fiesta (SALF) acadou arredor de 800.000 sufraxios e tres escanos no vindeiro Parlamento Europeo, quedando por diante de Podemos e Junts, e a só sete centésimas de Sumar en porcentaxe de voto.
Como é posible que tanta xente non escoitara falar nunca deste personaxe, nin coñecese a súa candidatura ás eleccións europeas? E iso que o seu discurso antiinmigración, punitivista e antifeminista non adoita pasar desapercibido. A realidade é que algo acontece nestes espazos dixitais que non se está a detectar.
Mentres todo isto está a ocorrer, os partidos tradicionais continúan sen ter unha visión estratéxica da comunicación dixital e non a plantexan de xeito correcto: é unha cuestión que require equipos humanos preparados, inversión e planificación durante todo o proceso. A maioría dos partidos segue trasladando a súa comunicación tradicional ás redes, sen entender nin participar desta esfera dixital.
Esta situación pode explicarse dun xeito sinxelo a través da parábola da ra fervida: se colocas unha ra nunha pota de auga fervendo, esta vai saltar de xeito inmediato para escapar da calor abafante. Porén, se pos á ra en auga tibia e aumentas a temperatura lentamente, non percibirá o perigo gradual e vaise cociñar sen intentar escapar.
Esta metáfora poder servir para ilustrar como os cambios graduais no ambiente poden pasar desapercibidos ata que é demasiado tarde para actuar. A lección a sacar das eleccións europeas e a primeira volta das lexislativas galas é clara: os partidos deben estar máis atentos aos cambios e “saltar da pota a tempo”.
O eterno debate sobre o apoliticismo no deporte
Durante moito tempo temos asistido a declaracións como “o deporte é deporte e a política é política”, “hai que separar o deporte da política”, “hai que sacar a confrontación política do deporte”, e moitos máis que foxen da fórmula gramsciana de “todo é política”.
A relación deporte-política non posúe unha fronteira clara nin ben definida. Nesa relación non só entran a xogar estes dous mundos, senón todos os factores que rodean ao propio deporte, xa sexan de carácter social, étnico, cultural ou económico.
O deporte e o fútbol, en tanto que fenómenos de masas, non poden entenderse como un feito illado de todo o que o rodea. Xavier Medina, doutor en antropoloxía social e profesor da Universitat Oberta de Catalunya, sinala que “forma parte da sociedade e é un reflexo da mesma, polo que está amplamente implicado co resto de aspectos sociais, entre os cales se atopa de xeito irreversible a política”. O doutor Medina engade que “aínda que unha competición deportiva de calquera tipo non teña por que estar relacionada directamente ca política, as persoas, as institución e os clubs acostuman a estalo, polo tanto o máis normal é que o deporte se tiña de política”.
Na mesma liña, Víctor Alonso, doutor en Socioloxía, comenta que, “en España, o discurso do non político é un fiel exemplo dunha posición política ante a vida, ante o público”. Alonso engade que “esa idea se potencia no ideario franquista, e transfírese ao deporte, como a calquera outra dimensión pública da vida. Gaña especial forza a través do discurso e a práctica tecnocrática, e no deporte séguese a manter dende a Transición”.
Xavier Pujadas (2016) afirma que “o deporte tamén é política”. Pujadas asevera que “unha cousa é inseparable da outra”. O autor engade que “non é de estrañar que se de este binomio en calquera manifestación deportiva de carácter colectivo”. Segundo Pujadas, a instrumentalización “sempre está presente, aínda que sexa máis sutil nos rexímenes democráticos”.
Como recolle Medina, “os diferentes clubs teñen, aínda que sexa en termos xenéricos, adscricións políticas ou tintes políticos. Non é o mesmo ser dun equipo que doutro, aínda que sexa na mesma cidade. Iso non afecta únicamente a nivel de adscrición, senón tamén a nivel de cosmovisión e de implicacións política que un ou outro equipo acostuman a ter”.
Carles Freixa, no seu libro, argumenta que “o deporte está estreitamente vencellado ás condicións históricas xerais, reflectindo de maneira dramatizada a natureza das institucións centrais da sociedade en cada momento histórico, as formas de exercicio da hexemonía cultural e as resistencias fronte a esta hexemonía”. No seu ensaio, recolle unha frase de Nkuwi e Vidac que resume o expresado neste artigo: “Cando a xente falaba de fútbol, tamén falaba das súas vidas cotiás e a súa realidade social”.
Nunha entrevista realizada no 2021 por Ángel María Rañales Pérez ao xornalista e sociólogo arxentino Julián Scher, destácase que a “discusión instalada no imaxinario colectivo do apoliticismo deportivo non resiste ningunha análise histórica nin actual”. Scher sostén que “calquera clube ou identidade deportiva tivo, ten e terá relación co poder político, económico e mediatico”.
Segundo Julián Scher, “é preciso deconstruír o apoliticismo deportivo, que non quere dicir que os clubes emitan opinión sobre calquera tema”. Para o sociólogo, “os clubs non poden quedar fóra dalgúns temas de calado que teñen que ver coa democracia, os dereitos humanos… é dicir, coas grandes liñas que trazan o que é unha sociedade, porque os mesmos clubs son parte da sociedade”.
A través deste artigo temos analizado as relacións existentes entre o binomio deporte-política, que semellan inseparables unhas das outras. O deporte nace vencellado á política e a política en moitos termos inflúe no que acontece nos eventos deportivos, como está a ser a Eurocopa de Alemaña, na que estamos a ver declaracións políticas de futbolistas, afeccións… Do mesmo xeito que Mbappé e os seus compañeiros se posicionan politicamente, o feito de sinalar que é mellor non inmiscirse politicamente é per se unha significación política.