O próximo domingo 9 de xuño votamos nunhas eleccións europeas chave, pero que moitas persoas miran desde lonxe. É complicado sentirse apelada nestes comicios, xa que non estamos especialmente familiarizadas coa institución nin co seu funcionamento. Porén, estas eleccións son fundamentais, tamén desde a perspectiva galega.
O foco destes comicios está posto no auxe da extrema dereita en toda Europa e na invasión de Ucraína e Gaza. A posibilidade de pacto entre a dereita tradicional e os partidos extremistas é unha realidade palpable que pode marcar un antes e un despois na institución. Especialmente neste momento no que os conflitos bélicos, o cambio climático e os dereitos humanos están de actualidade na UE.
Estes comicios europeos parecen estar nun segundo plano na axenda e cando aparecen é cunha mirada estatal, centrada no conflito entre o PP e o PSOE. Ademais, non coinciden con ningún outro proceso electoral, o que fai pensar que a participación será baixa. Coma sempre, desde Xacias animamos a facer uso do dereito a voto nestes comicios.
A través do noso proxecto xornalístico e divulgativo, Carretando, estamos facendo unha serie especial sobre as europeas da man do analista político Roi P. Vila e da xornalista Marta Casais. A través do seu coñecemento sobre as institucións da UE falan dalgúns dos temas que máis nos afectan aos galegos e galegas, cun primeiro podcast sobre Altri, a celulosa que quere instalarse na Ulloa con Fondos Europeos.
Moitas das cousas que nos preocupan están presentes nos debates europeos. No noso territorio probablemente sexa o tema de Altri o que máis está a marcar a axenda con respecto aos comicios, cunha manifestación realizada o 26 de maio e apoiada por unhas 20.000 persoas. Dentro dos partidos, o BNG estase a posicionar como o máis preocupado por esta causa que encabeza a plataforma Ulloa Viva.
Mentres, o PSdeG mantén un discurso máis ambiguo, centrado en pedir explicacións á Xunta e sen denunciar o proxecto explicitamente. Si o fai o seu candidato ao Europarlamento, Nicolás González, seguramente consciente do peso que pode ter nos comicios. Pola contra, o PPdeG é quen se posiciona a favor do proxecto e dos argumentos da empresa. Se queres coñecer a fondo este tema, escoita o podcast en iVoox, Spotify ou Apple Podcast.
Como está a ser a campaña das eleccións europeas?
O 14 de maio coñecimos as 34 candidaturas oficiais que se presentan en España e debes ter en conta que neste caso o voto conta para o conxunto do estado e non por provincias. Hai moitas opcións a nivel ideolóxico e siglas descoñecidas para a maioría de persoas. Con todo, ímonos centrar nos principais rostros a nivel galego, aqueles partidos que teñen representación no noso Parlamento.
A realidade é que estas eleccións están moi centradas na actualidade estatal. O pasado sábado 1 de xuño, Ursula Von der Leyen visitou Galicia, concretamente O Pino, acompañada por Dolors Montserrat, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda. Coincidindo coa recente aprobación da Ley de Amnistía, o líder do PP estatal quixo por o foco nela e na defensa da igualdade entre a cidadanía. Von der Leyen evitou falar da norma e focalizou o seu discurso nese último punto, enfatizando a importancia da democracia.
A primeira da lista dos populares é a citada Dolors Montserrat, quen foi ministra de Sanidade no goberno de Rajoy e leva cinco anos como membro do Parlamento Europeo. Centrándonos no caso galego temos que falar de Francisco Millán Mon, quen leva como eurodeputado desde 2004. Á parte, é diplomático e ocupou cargos de responsabilidade en Europa dentro das comisións de Asuntos Exteriores e Pesca.
A súa campaña non está sendo moi distinguida e dilúese coa do partido a nivel español. Centrándonos nas súas visitas e intervencións, vemos que o sector pesqueiro e gandeiro están sendo os destacados do seu discurso. Nesta liña, Alfonso Rueda aproveitou a visita de Von der Leyen para suxerirlle que o novo comisario fose galego, español ou, «se non pode ser», do sur de Europa.
Os populares están aproveitando o anuncio da citación de Begoña Gómez como imputada por parte do xuíz Juan Carlos Peinado en pleno período electoral. A pesar de que poida parecer o contrario, este movemento tamén está sendo parte da campaña dos socialistas. O presidente Pedro Sánchez sacou unha nova carta á cidadanía e o pasado mércores 5 presentouse nun mitin xunto á súa muller, mostrando unidade e fortaleza ante esta situación.
A candidata do PSOE ao Europarlamento, a aínda vicepresidenta terceira, Teresa Ribera, ten un discurso de defensa de Begoña Gómez falando de «acoso», «política sucia» e da necesidade dun voto masivo. Este está a ser o tema dos últimos días de campaña, mais outro destacado é a posición do Goberno español ante a invasión de Gaza, anunciando este mesmo xoves que se suma á causa aberta no Tribunal Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio. O PSOE, consciente de que a maioría da sociedade española defende a causa Palestina, está a tomar unha posición propia a nivel internacional que destaca sobre a do resto de países europeos.
Hai que salientar que Teresa Ribera, como ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ten un perfil recoñecido a nivel internacional polo seu papel dentro das negociacións en materia de medio ambiente. Especialmente desde a crise do Covid-19, o Goberno tivo que enfrontarse a unha suba dos prezos nos que o gas tiña un papel protagonista. Ribera foi capaz de saír vitoriosa dunhas negociacións nada sinxelas en Bruxelas, nas que moitos países da Unión se opoñían á excepción Ibérica lograda pola ministra. Os resultados do próximo 9 de xuño van a ser chave para a súa traxectoria política.
Como xa adiantamos, Nicolás González Casares é o candidato galego ao Europarlamento, onde leva traballando desde 2019. O socialista si que está a denunciar a creación de Altri e considera a reindustrialización do noso territorio unha prioridade, sempre que medre sen atentar contra o medio ambiente. Nunha entrevista con eldiario.es explicaba: «Estamos entre un modelo que pode caer cara os populismos ou seguir en mans das forzas tradicionais. Pero máis alá diso, (Galicia) xógase o camiño da súa transición ecolóxica e industrial, o camiño da pesca e a agricultura».
Máis lonxe dos debates estatais está o BNG, partido que contará cunha papeleta propia en Galicia, a pesar ir dentro da coalición de Agora Repúblicas xunto a ERC, EH-Bildu e Ara Més. Como nas eleccións europeas o voto conta a nivel español, o partido nacionalista apunta a que esta unión ten un fin técnico. A súa candidata volve a ser Ana Miranda, con máis de dúas décadas traballando en diferentes postos na UE.
Durante os últimos cinco anos a representante nacionalista galega tivo un posto rotatorio, pero agora vai de número tres e conta con ter un asento fixo en Bruselas. A campaña do BNG, como ela mesma destacou, é “100% galega, con papeleta galega”, algo que vai en liña co lema escollido: “A voz galega en Europa”. A estratexia a seguir é semellante á das Autonómicas, con mensaxes en positivo e personalizada na figura de Ana Miranda, unha persoa bastante recoñecida e cuns atributos positivos. Con todo, o papel de Ana Pontón como líder do partido está sendo destacado, algo que sucede en tódalas campañas.
Hai que subliñar de novo a implicación do BNG na loita contra a apertura de Altri, con actos importantes centrados nesta causa e coa participación nas manifestacións. A candidata tamén está poñendo no foco o xenocidio en Gaza, sendo unha política que leva anos defendendo a causa de Palestina. Outros dos temas centrais son o sector pesqueiro, a igualdade ou o dereito á vivenda.
Estas son as candidaturas con representación no Parlamento Galego. Á parte, nestes comicios destaca a figura de Irene Montero, que se presenta como primeira de lista de Podemos, sendo a máis coñecida das 34. Outras candidatas son Estrella Galán Pérez por Sumar, Jorge Buxadé Villalba por Vox e Jordi Cañas Pérez por Ciudadanos.
Agardamos que este post servira para aproximarte un pouco máis a estas eleccións europeas. A pesar da distancia que nos separa coa UE, tanto física como informativa, estes comicios son moi relevantes. De novo, animámoste a votar o próximo domingo 9 de xuño!