Pintos & Salgado: como divulgar a complexidade do dereito dixital

  • Aproveitando os 6 meses de traballo conxunto con Pintos & Salgado, bufete de avogados de A Coruña especializado en dereito dixital, facemos balance dun servizo que coordinou produción de contido SEO e gabinete de prensa de corte divulgativo.
  • Establecer unha axenda de temas clara, posicionar reputacionalmente ao bufete en medios especializados e ampliar a grella de contidos para difundir en redes sociais foron algúns dos resultados cualitativos que logramos.
  • Víctor Salgado, socio-director do despacho, sintetiza os trazos do servizo da nosa cooperativa: «empatía, bo facer xornalístico e comprensión dos nosos valores de marca caracterizan a relación que mantemos con Xacias».

Dende novembro de 2023, o equipo de Xacias Coop traballa man a man co despacho de avogados especializado en dereito dixital Pintos & Salgado, con sede na Coruña, para enfrontarse a un reto: reducir a brecha que separa a expertos da cidadanía a través da produción de contidos corporativos. Ese foi o paraugas baixo o que elaboramos unha estratexia de actuación en dúas vertentes, dende o posicionamento SEO e a consolidación dun gabinete de prensa do bufete.

Aproveitando os seis meses de servizo en ambas liñas de traballo, facemos un balance desta relación que parte dunha mesma visión do ecosistema dixital, ao defender tanto dende Xacias Coop como dende Pintos & Salgado unha procura constante da calidade fronte a cantidade, incluso á hora de determinar o éxito dunha estratexia de contidos.

Unha axenda temática clara, a base do noso traballo

Dende o inicio da relación con Pintos & Salgado, arrancamos cun proceso de asesoramento que tivese en conta un dos seus puntos fortes como o primeiro despacho de avogados de toda Galicia especializado en dereito dixital e novas tecnoloxías: a súa vocación divulgativa. Aplicamos unha análise de termos de busca en materia de SEO, mais tamén unha revisión das temáticas de posible interese para os medios de comunicación especializados ou da contorna da Coruña, consensuando con eles unha batería de campos de traballo á hora de crear os nosos contidos.

pencil and sharpener on notebook page

Construímos man a man, de maneira personalizada, unha axenda de temas claramente definida, que incluíse cuestións de intelixencia artificial, ciberseguridade, xestión da privacidade na rede e outros asuntos de actualidade vencellados ás grandes plataformas dixitais como Amazon, Meta ou Google. Deste xeito, tanto o gabinete de prensa como a xeración de contido SEO camiñarían na mesma liña para promover un maior posicionamento reputacional de Pintos & Salgado.

Máis aló do asesoramento temático, tamén executamos un diagnóstico da comunicación xeral do despacho para detectar unha necesidade: a de dinamizar a todo o equipo de avogados e avogadas do bufete para que a construción de marca na esfera mediática non só dependese de Víctor Salgado, con alta presenza en medios de comunicación.

Artigos SEO: contidos lentos para xerar tráfico de calidade

O inicio da produción de artigos SEO partiu da clarificación dos termos chave de Pintos & Salgado, mais tamén se coordinou coa creación de pezas textuais que xa se realizaba dentro do despacho de avogados. Os artigos xerados por Xacias Coop complementábanse en temas e forma cos preexistentes, mais aplicando as técnicas propias da redacción SEO sen esquecer a importancia da divulgación e a lentitude no tratamento de temas complexos como os do dereito dixital.

Desta forma, logramos ampliar a grella de textos especializados de Pintos & Salgado, achegándolle un maior número de contidos para compartir en redes sociais e xerar así tráfico orgánico á súa web. Xunto a isto, axudamos a comprender as esixencias e necesidades da redacción SEO, tanto en estrutura como en linguaxe, ao propio grupo de avogados e avogadas.

No marco do servizo de asesoramento SEO, incorporamos unha supervisión da súa web e unha adaptación de artigos previos, redactados polo equipo de Pintos & Salgado, para fomentar un mellor posicionamento orgánico dentro de Google.

Gabinete de prensa corporativo: notas de prensa para enfatizar a súa condición de expertos

Ao mesmo tempo que se poñía en marcha a creación de artigos SEO, estabilizamos unha rutina de produción de notas de prensa para incrementar o contacto de Pintos & Salgado cos medios de comunicación locais e especializados. Recollendo temas de actualidade en materia dixital, ou ben análises divulgativos de conceptos xurídicos fundamentados nas opinións dos avogados do bufete, trazamos unha cadencia de notas de prensa semanais para aparecer organicamente na esfera mediática, mais tamén para que a marca do bufete estivera irremediablemente asociada á divulgación, un aspecto moi relevante para o cliente.

As notas de prensa corporativas actuaban como produtos que posicionaban aos avogados e avogadas de Pintos & Salgado como referencias informativas accesibles, facilmente localizables no caso de que se desexara ampliar información ou xerar produtos como reportaxes ou entrevistas.

Jason-Leung-fotografía de archivo-Pintos & Salgado

Despois dos 6 meses de produción continua de notas de prensa, conseguimos consolidar relacións estables cos cibermedios Código Cero e Galicia Digital, amais de promover a aparición de Pintos & Salgado no medio especializado Noticias Jurídicas ou na contorna de A Coruña, a través de Cope A Coruña e Enfoques. E mesmo logramos posicionar ao socio-director do bufete, Víctor Salgado, como fonte informativa de referencia para Cinco Días, o suplemento de El País, ao traballar dende unha dobre perspectiva, nota de prensa e SEO, a temática das cookies.

O que din de nós: bo facer xornalístico, empatía e personalización

Co foco posto neste balance, dende Pintos & Salgado tamén resaltaron algúns dos trazos que caracterizan o noso traballo en comunicación durante os últimos meses. Para o bufete de avogados de A Coruña, «Xacias Coop potenciou a nosa vocación divulgativa, axudándonos a achegar información e coñecementos á sociedade xeral» e salientan «a estratexia intelixente, tanto en medios tradicionais e dixitais» posta en marcha, que «entende e reforza os obxectivos e valores corporativos de Pintos & Salgado».

Fotografia de Víctor Salgado, de Pintos y Salgado

«O bo facer coas técnicas xornalísticas, pero sobre todo a comprensión dos nosos valores de marca e a empatía diaria definen o servizo de Xacias Coop».

Víctor Salgado, socio-director de Pintos & Salgado

A maiores, cobra relevancia na retroalimentación deste cliente a cercanía, empatía e calidez coa que se executou a consolidación deste proceso de creación de contido de SEO e notas de prensa por parte de Xacias, asumindo unhas das nosas máximas como cooperativa: a importancia de acompañar coa maior amabilidade e personalización posibles na implantación destes servizos de comunicación corporativa.


Traballamos xuntos?
+34 624 73 73 46 / info@xacias.com

Se ti tamén queres incorporar un servizo de xeración de contido SEO para posicionar en Google o teu negocio ou desexas establecer un gabinete de prensa corporativo, en Xacias podemos axudarche a logralo. Deseñamos estratexias de comunicación dixital e offline, creamos contido e xestionamos as relacións cos medios de comunicación. Publicacións en redes sociais, newsletters, podcasts, artigos SEO… o que precisas, ao teu alcance!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio