- Reflexionamos sobre a situación do actual ecosistema de redes sociais e achegamos algunhas medidas para fortalecer a relación entre as institucións municipais, as máis próximas ás persoas, e a súa veciñanza.
O xurdimento das redes sociais virtuais estivo acompañado dun discurso case mitolóxico. Moitas correntes de pensamento auguraban que as novas tecnoloxías da información e da comunicación producirían de xeito automático un incremento da participación da cidadanía nas institucións políticas, amais dunha profundización democrática. Porén, a perspectiva que ofrece o paso do tempo obriga a poñer en dúbida a consideración de que as aplicacións dixitais fomenten a participación cidadá dun xeito determinista e repensar as accións proactivas que poden tomar as institucións para lograr este propósito.
Se repasamos a maneira na que diversos científicos sociais, xornalistas ou activistas relataron e analizaron os movementos políticos xurdidos como resposta á crise financeira de 2008, aparece unha e outra vez un relato no que as redes sociais actúan como ferramentas dinamizadoras de procesos democráticos.
Segundo este enfoque, a Primaveira Árabe, o 15M ou o Occupy Wall Street serían movementos tan multitudinarios e dinámicos grazas ao papel das redes sociais na organización, coordinación e reprodución das protestas en diferentes partes do mundo. Con todo, autores como César Rendueles afirman que esta perspectiva das TIC está cargada de determinismo e ciberfetichismo. Para o propio Rendueles o papel das redes sociais no inicio do 15M foi máis un obstáculo a evitar que un proceso posibilitador da protesta.
O que sabemos actualmente é que o deseño, o funcionamento algorítmico e o tipo de experiencia de usuario que fomentan aplicacións como TikTok, X ou YouTube, lonxe de fomentar a participación cidadá, impulsan un tipo de interacción máis individualista que colectiva e máis vencellada ao incremento do consumismo que á deliberación democrática. Isto acontece debido ao modelo de negocio de empresas como Google, Meta ou Amazon.
A materia prima da actividade destas compañías é o tempo de atención dos usuarios, e iso contextualiza o seu propósito comercial: capturar o máximo tempo posible de cada persoa cun contido personalizado e hiperestimulante. Canto máis tempo de atención dos usuarios, máis cantidades de datos recompilados. As empresas procesan e fragmentan esta información e crean “paquetes de datos” ou “perfís de consumidores” en función dos intereses persoais, da situación xeográfica, da idade e moitas outras variables. A recolección de información permite proxectar anuncios hiperpersonalizados para aumentar o volume de vendas e contidos adaptados a cada un que impliquen un maior tempo de uso das apps.
Polo tanto, no scroll instaurado nestes lugares dixitais prima máis o consumo individual que as nosas necesidades colectivas e sociais vencelladas á organización política, a reunión con outras persoas coas mesmas necesidades ou a participación activa nas institucións da nosa contorna. Lonxe de constituírse como ferramentas deliberativas, foméntase unha delegación da política nos cargos representativos.
Mais é necesario aclarar que existen diversas excepcións a este proceso e abundantes organizacións que reman a contracorrente por resistir a estas dinámicas. Ao mesmo tempo, non sería serio afirmar que a crise de representatividade, os altos niveis de abstención nos comicios ou a escasa organización colectiva da sociedade poidan explicarse tan só polas consecuencias destas dinámicas nas plataformas dixitais.
Os parágrafos anteriores poderían denotar que non existe unha saída a este proceso para as persoas e para as institucións que realmente busquen incrementar a participación cidadá. Mais, lonxe de pretender amosar unha actitude catastrófica, cómpre explicar que o problema non son nin as TIC nin as redes sociais, senón os usos mercantís que promoven as empresas que monopolizan a propiedade destes lugares.
Para a resolución desta problemática, é preciso edificar unha regulación que asegure unha experiencia de usuario distinta e un emprego democrático dos datos, xunto con espazos dixitais de propiedade pública. Namentres non aconteza este cambio de paradigma, as institucións locais teñen o deber de resistir a tendencia e fomentar a participación cidadá de calidade cun eixo claro: lograr unha maior convivencia e acadar unha lexitimidade democrática que se está vendo ameazada polo crecente autoritarismo noutros países.
As propostas de Xacias para a mellora da participación cidadá
Que poden facer entón as institucións locais, as máis próximas ás persoas, para fomentar a participación cidadá e mellorar a súa relación cos veciños e veciñas namentres non se regule a actividade destas compañías transnacionais?
Debemos tomarnos en serio esta tarefa e adicar tempo, esforzos, recursos e imaxinación para fomentar a participación e reverter a deriva na que nos atopamos. Xacias Coop pretende ofrecer estas accións ás institucións locais co obxectivo de acadar unha vida política nos concellos máis democrática, participativa e habitable. Estas son algunhas medidas que propoñemos para promover a participación cidadá dende diferentes ámbitos:
- Incluír á mocidade e á infancia nos procesos de participación da cidadanía: accións dedicadas á divulgación das tarefas desenvolvidas polas institucións locais e a promoción dos valores democráticos co obxectivo de involucrar ós mais novos na vida política.
- Desenvolver formatos e espazos dixitais alternativos ás plataformas hexemónicas para fomentar a participación nos termos e nas formas axeitadas para cada territorio.
- Celebrar actos periódicos en versión presencial e dixital co obxectivo de explicar a acción de goberno dun xeito didáctico. Estes actos servirían de exposicións dos éxitos e as dificultades do traballo da corporación municipal co propósito de facer partícipes dos mesmos ós veciños e ás veciñas.
- Incorporar metodoloxías e estratexias que permitan o diálogo entre persoas con opinións contrarias, fomenten a comunicación interxeracional e, en definitiva, establezan relacións de confianza e lexitimidade que desactiven os filtros burbulla.
- Organizar obradoiros de alfabetización mediática e tecnolóxica na que os veciños e as veciñas poidan comprender o funcionamento destas ferramentas e aprender a empregalas dun xeito que favoreza a vida do concello dende distintos ámbitos.
Estas cinco propostas son tan só unha pequena mostra do que se pode facer dende os concellos para temperar a crise de participación e representatividade existente. Configúranse como medidas humildes, pero imprescindibles no contexto actual, sen espazos dixitais que melloren e amplíen a convivencia democrática.