- TikTok é unha ferramenta moi interesante en comunicación política porque conta con formas únicas de trasladar información, permitindo chegar a audiencias mozas, as cales non adoitan acceder a medios de comunicación tradicionais.
- Cada vez son máis os políticos e políticas que se adaptan a este formato, na procura continua de novos votantes a través de conexións emocionais. En TikTok báilase, respóndense cuestións ou publícanse vídeos máis atrevidos. Candidatos e candidatas e cargos públicos buscan gobernar para a maioría e agora, a maioría xa se empeza a atopar nesta rede social.
TikTok é unha ferramenta comunicativa que posibilita aos equipos de campaña relacionarse co público mozo a través de mensaxes sinxelas. O electorado xuvenil dispón da súa propia linguaxe e intereses, así como uns códigos comunicativos específicos, polo que non é doado aproximarse a eles.
Como sinalamos, non é sinxelo adoptar unha boa estratexia comunicativa en TikTok. Cómpre contar con talento e creatividade para explotar as amplas posibilidades que posúe esta ferramenta dixital. En TikTok todo é visual, cunha linguaxe divertida e desenfadada, onde non existen barreiras e o importante é amosar naturalidade.
Falamos dunha rede cunha capacidade de viralización moi potente, xa que o seu algoritmo recompensa a actualización constante de contido e a calidade dos vídeos. Ademais, non ten demasiado en conta a cantidade de seguidores dunha conta.
TikTok permite aos partidos tradicionais simplificar as súas mensaxe e modernizalas a base de memes e contidos frescos e lixeiros. A chave para un bo uso da rede social a nivel comunicativo baséase en falar con naturalidade e sumarse aos trends existentes, tendo sempre presente a linguaxe que se emprega na plataforma.
Os políticos ou institucións que publican contidos que se tornan en virais nesta rede teñen un denominador común: falan directamente ao público mozo cunha linguaxe facilmente entendible e chea de estímulos musicais. Quen sexa capaz de adaptar o seu contido, mimetizando as preferencias do público xuvenil, é quen ten máis posibilidades de facer chegar a súa mensaxe.
Como ferramenta de comunicación política, TikTok é unha rede social oportuna para conectar coas emocións dos usuarios e xerar unha imaxe positiva dunha candidata ou candidato.
A día de hoxe, esta rede social supuxo unha gran revolución dos contidos dixitais e das formas de comunicación directa, mais tamén da comunicación institucional e política. Os obxectivos dunha política ou política á hora de empregar TikTok deben ser:
- Aumentar a visibilidade e o grao de coñecemento do candidato ou candidata, sobre todo co segmento electoral máis mozo.
- Amosar ao candidato ou candidata como unha persoa actual, dinámica e próxima ao seu público.
- Humanizar á persoa que hai detrás da política ou político ou cargo público.
- Empatizar cos electores a través do uso da música e outros compoñentes emocionais.
O caso do TikTok da Xunta de Galicia: Alfonso Rueda e os seus «Vengadores»
Hai unhas semanas, tras a conformación oficial do Goberno da Xunta de Galicia, os asesores en comunicación do executivo galego decidiron lanzar en TikTok un vídeo que significou numerosas interaccións e comentarios ao respecto nas diferentes plataformas.
No vídeo pode apreciarse como se van presentando un a un os compoñentes do novo Consello da Xunta. A inspiración do vídeo é clara, “The Avengers”, de Marvel. Unha música que invita á acción e a xestualidade divertida dos conselleiros e conselleiras que fai que este contido triunfe nas diferentes redes e sexa un moi bo exemplo de como se debe empregar a plataforma en comunicación política.
«Xunta… Assemble!» é o título deste TikTok que é capaz de transmitir todo o que pretende o equipo de redes do presidente Alfonso Rueda. En resumo, este vídeo é capaz de cumprir todos é cada un dos obxectivos descritos anteriormente. Dun xeito ameno e divertido, axuda a proxectar unha imaxe próxima dos conselleiros e conselleiras e permite aumentar o grao de coñecemento dos integrantes do executivo autonómico.
Os fotoxornalistas de Galicia tiveron que aguantar hoxe unha sesión de fotos miña 😉
Anímovos a que visitedes en Santiago a mostra “A Galicia inédita" para desfrutar dalgunhas das mellores imaxes que capturaron coas súas cámaras nos últimos tempos! pic.twitter.com/8xbUULGm9J
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 15, 2024
Do mesmo xeito, no peche do vídeo vemos a un Alfonso Rueda que remata o TikTok cun xesto de “final boss” ou líder da facción dos Vengadores, ao máis puro estilo Tony Stark. A través disto último, e sumado a diferentes contidos e formatos que se publican na conta do presidente, axudan a configurar unha imaxe de Rueda como unha persoa conectada cos intereses da xuventude e permiten humanizar a súa figura.
Hai alguén que non quede marabillado con estes canciños?😍
Que gusto a visita ao centro de acollida de animais da @depo_es. Se queredes ter un amigo para sempre, anímovos a que adoptedes. A partir de maio, desde a @Xunta daremos ata 150 € para os primeiros gastos do veterinario pic.twitter.com/lUrX5PEqCK
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 18, 2024
En definitiva, este contido en concreto e a liña de publicacións que están a seguir as contas da Xunta de Galicia e as do propio Rueda son un gran exemplo do bo uso das redes sociais e de TikTok en específico. A plataforma ten un potencial enorme en termos de comunicación política que está pendente de ser explotado ao 100%, pero o equipo de comunicación e redes destes últimos van por bo camiño.
Se queres que a túa marca se vexa beneficiada por todo isto, contacta con Xacias. Somos unha axencia de márketing en Galicia que pode crear a estratexia de contidos en redes sociais que mellor se adapte ao teu negocio ou institución.