- O efecto lúa de mel dáse en política despois de ter obtido unha vitoria electoral. Durante este período, os vencedores teñen o vento da opinión pública a favor e gozan de certo marxe de operación política. Convértese nun período inicial no que os gobernantes electos posúen maior capital político.
- A duración media do efecto honeymoon adoita fixarse en dez meses dende a chegada ó poder institucional.
Nestes tempos nos que impera a economía da atención, onde os titulares mudan a cada minuto, é moi doado perderse entre o ruído das tertulias televisivas e radiofónicas ou nas redes sociais. Mentres os medios de comunicación centran a súa mirada na investidura de Alberto Núñez Feijóo, os gobernos locais acaban de cumprir os primeiros cen días da súa conformación.
Os primeiros cen días de goberno en política son coñecidos a través do chamado “efecto lúa de mel” ou honeymoon, un período semellante ao que viven as parellas que acaban de casarse. Estes compases iniciais son un espazo temporal onde todo semella posible, as críticas por parte da oposición, cidadanía e prensa son escasas e as expectativas altas.
O efecto lúa de mel: un elemento estratéxico
En política, como na vida, non existe unha segunda oportunidade para causar unha boa primeira impresión. Cando un responsable político asume un cargo de goberno, especialmente no ámbito local, goza aproximadamente de cen días para establecer a súa relación coa comunidade, o seu ton e a súa axenda. É un período de gracia que lle concede toda a sociedade, pero supón un momento de grande responsabilidade, pois as decisións que se tomen neste tempo poden definir un mandato completo.
Precisamente por isto trátase dun espazo de tempo que se lle concede ao candidato ou candidata vencedora que non se pode desaproveitar, máis ben ó contrario. Mentres o clima de opinión pública é favorable e se pode gozar de certa marxe de manobra política, é de vital importancia actuar con axilidade, asestando algún golpe de efecto e sendo capaz de comunicalo de maneira efectiva.
Como veremos, hai gobernos que aproveitan este período de gracia para executar as decisións máis duras, confiados en que a nosa memoria acabará por esquecelas. Pola contra, hai expertos que desaconsellan esta práctica porque poden representar a destrución total da imaxe pública do político ou política. En ocasións, unicamente se consegue destruír ese efecto de lúa de mel, sen poder acadar nada positivo posteriormente. En lugar de arriscar o período de gracia, os primeiros cen días deben representar unha ventá de oportunidade para ampliar o consenso e establecer unha boa imaxe de cara ó resto do mandato.
Os primeiros cen días representan o 6% de todo un mandato de catro anos. Porcentualmente é un espazo de tempo moi curto, pero goza dun peso simbólico moi importante. Os gobernantes deben centrar os seus esforzos en comunicar de maneira efectiva as primeiras medidas levadas a cabo, máis tendo en conta que a oposición adoita, ou máis ben adoitaba, respectar esas decisións e rebaixar o ton crítico.
A popularidade, unha arma de dobre fío
A definición dun equipo de goberno ou un gabinete ministerial é un dos indicadores empregados para analizar os primeiros cen días dun executivo. Pedro Sánchez conseguiu amplificar o seu discurso sobre a igualdade nomeando un goberno “feminista” en 2018 con máis mulleres ca homes. A maiores, os primeiros cen días tamén serven para facer unha declaración de intencións arredor dun estilo de goberno, como fixera José Luis Rodríguez Zapatero ó anunciar na súa primeira comparecencia pública a retirada das tropas españolas en Irak.
En política, tomar moitas decisións pode ser sinónimo de firmeza e de capacidade de xestión, aínda que a resposta da sociedade deveña na convocatoria dunha folga xeral. Sucedeulle a Mariano Rajoy cando nos seus primeiros días de goberno aprobou os maiores axustes económicos dende a restauración da democracia, ademais doutras polémicas medidas como o anuncio da modificación da lei do aborto.
Inmediatamente despois de gañar unhas eleccións, xs candidatxs atópanse no seu pico máis alto de popularidade, aceptación e simpatía. Como sinalamos anteriormente, moitos gobernantes aproveitan este momento para desenvolver as medidas máis duras e desagradables, pensando que os cidadáns o perdoarán e mesmo serán capaces de olvidar. Expertos como Daniel Eskiben rexeitan estas prácticas porque os resultados poden ser “catastróficos”.
Franklin D. Roosevelt: o pioneiro dos 100 días
Non é posible falar dos primeiros cen días de goberno sen facer mención a Franklin D. Roosevelt, o presidente estadounidense que popularizou este concepto durante a Gran Depresión.
Durante este período de crise, Roosevelt amosou unha capacidade de reacción sen precedentes, aprobando 15 leis de carácter intervencionista para loitar contra a crise económica. Estas medidas foron as coñecidas como o New Deal e, ademais de reconstruír a moral e a economía estadounidense, sentou o precedente para que se empezaran a analizar os primeiros cen días das sucesivas administracións dos EE. UU. O seu legado recorda que a lúa de mel é unha ventá de oportunidade única para marcar a diferencia.
A turbopolítica e as lúas de mel curtas
Vivimos nunha era onde todo é inmediato. A paciencia é un luxo que poucos se poden permitir, da man da atención de calidade. Neste contexto, as lúas de mel políticas son cada vez máis curtas. Se non hai resultados palpables, o estado de ánimo público pode mudar nun instante, pasando da alegría á depresión en cuestión de días, e isto supón unha consecuencia directa da turbopolítica.
Segundo Antoni Gutiérrez-Rubí, “se da política non se obtén unha recompensa inmediata, estamos nun estado de frustración, ansiedade e descontento moi perigoso para a calidade democrática”. Ante este panorama, Gutiérrez-Rubí reclama devolver ó proceso político o carácter reflexivo que toda decisión necesita e merece.
As recomendacións de Xacias Coop
Os primeiros cen días están marcados como o período no que os electores poden facerse unha idea do novo goberno, e esa primeira impresión é “case definitiva”, segundo o consultor político Pau Canaleta, que argumenta que «non hai nada máis complicado que cambiar percepcións cando estas xa están solidificadas na mente dos cidadáns».
Pau Canaleta é o autor do libro 100 días 1 imagen (2011), no que ofrece as chaves dos primeiros meses de calquera goberno a través de 50 puntos a ter en conta. Algunha desas accións que recomendamos dende Xacias Coop. son:
- Comunicar eficazmente: a transparencia e a comunicación clara son esenciais para acadar a confianza pública.
- Establecer prioridades claras: non se pode levar a cabo todo o pretendido, é preciso elixir o realmente importante.
- Medir e axustar: hai que empregar métricas para avaliar o impacto das accións e estar dispostx a efectuar os axustes necesarios.
- Ser auténticx: a cidadanía adoita detectar a falsidade. Hai que ser un mesmo e manter as promesas realizadas.
- Tecer alianzas: non se está só neste mundo. É necesario buscar aliados que compartan a túa visión e poidan axudarche no proceso.