O Nadal tamén é momento para a comunicación política. Vemos análises sobre os anuncios da lotaría ou de grandes marcas, pero as formacións e as institucións deben ser quen de aproveitar unha época interesante de cara a trasladar os seus valores. Neste artigo imos analizar a comunicación política en Nadal dos partidos galegos.
Decembro é un mes de reflexión e de mirar tanto para atrás como ao próximo ano. Isto encaixa á perfección coa comunicación política. Por iso, hai dous puntos fundamentais de cara á estratexia nesta época: facer balance do ano político ou de xestión e do que se vén para o seguinte aproveitando transmitir proximidade nunhas datas marcadas pola emoción.
Os vídeos institucionais de final de ano son un clásico seguido de numerosas análises sobre que temas se destacan, cales se deixan fóra e incluso que elementos ocupan o espazo visual. Serven para sacar a relucir os logros institucionais e incluso reflexionar sobre algún erro ou momento complexo. Exemplificando, o ano 2020 estivo marcado pola idea de saír reforzados tras unha crise común como foi a Covid-19.
Á parte de mirar cara o pasado, é unha ocasión para adiantar que se vén. Esta mensaxe institucional serve para anunciar algunha nova medida para abrir o ano político. Unha forma de incluír unha mensaxe de esperanza e de ir fixando temas na axenda e no imaxinario das persoas.
Se ben este balance encaixa perfectamente desde o punto de vista da xestión, os partidos da oposición tamén aproveitan o fin de ano para facer a súa propia análise da situación. Con todo, as mensaxes máis emocionais son transversais a tódolos partidos. O Nadal serve para remarcar os valores das organizacións e para que cada unha poña o foco en cuestións diversas en función dos seus intereses comunicativos.
Nunha festa marcada pola familiaridade, débese aproveitar para falar cunha sociedade que cada vez valora máis a proximidade dos políticos e políticas. É por iso que as organizacións non poden fallar nestas datas, teñen que facer mensaxes que cheguen ao seu público concreto. Para entendelo mellor, imos ver algúns exemplos destas últimas semanas.
Rueda e Pedro Sánchez, os protagonistas do PPdeG
O PPdeG fixo varias campañas especiais este decembro. Comezaron cun calendario de advento titulado «Pedro Sánchez e as súas travesuras». Nel, caracterizaron ao presidente do Goberno Estatal da personaxe de Grinch, inimigo destas festas, e fixeron campaña en contra del sinalando medidas coas que non estaban de acordo.
A acción máis aclamada dos populares foi o vídeo que publicaron a inicios de Nadal, onde aparece Mariano Rajoy ríndose de si mesmo polo seu problema cos tapóns das botellas de auga trala norma europea. Ese frame fíxose bastante viral, algo que xa acontecera no vídeo da campaña electoral de «Galicia Rueda», onde o expresidente aparecía facendo footing.
En xeral, ambas accións teñen bastantes similitudes. Con Alfonso Rueda e as súas fillas como protagonistas, móstrase proximidade e trasládase que todo vai ben, tal e como sinala o título «Galicia suena muy bien». O presidente aparece como director de orquestra ante un grupo de persoas que cantan un vilancico, entre elas outras personaxes destacadas do partido.
A mensaxe final do vídeo é que unidos as cousas saen adiante e lanza a idea de que Rueda é o líder que o consegue, pero dunha maneira familiar e con naturalidade. Vendo esta campaña, semella que co actual presidente da Xunta as cousas funcionan de maneira sinxela.
Asemade, a formación publicou un especial badaladas cun ton humorístico cos seus políticos máis televisivos. O deputado do PPdeG e exconcursante do programa ‘Reacción en Cadena’, Raúl Santamaría, a deputada do PP estatal, Ana Vázquez, e o coordinador de Medio Rural, Avelino Souto, protagonizan este pequeno vídeo no que fan unhas roldas deste xogo de palabras.
A través da relación de diferentes termos ou nomes que van dicindo os dous políticos, Ana Vázquez chega á conclusión de que sempre falan de Pedro Sánchez. Deste modo, vencellan ao presidente con palabras como «pelotas», «Marlaska», «izquierda» ou incluso «guapo».
Este vídeo chegou despois de que se coñecera que Os Mozos de Arousa, grupo do que formaba parte Raúl Santamaría no citado programa, eran os escollidos para dar as badaladas de Telecinco xunto a Ion Aramendi ata unha última hora na que decidiron seleccionar a outra persoa. Os populares galegos non deixaron escapar a ocasión para darlle unha oportunidade ao seu deputado e facer este sketch cheo de indirectas.
Chama a atención como en tódalas campañas hai presenza do castelán, ben a través da tradución con subtítulos ou de diálogos máis improvisados. Ademais, nas campañas está presente a confrontación co Goberno do Estado, especialmente centradas no actual presidente.
No caso dos populares hai que sumarlle a primeira mensaxe institucional de fin de ano de Rueda como presidente da Xunta. Nela quixo destacar varios temas como o da educación lembrando as matrículas gratuítas na universidade ou o plan do seu goberno en materia de emigración. Seguindo a idea que mencionábamos ao inicio, o presidente aproveitou para lanzar unha promesa: a de duplicar o parque de vivenda pública ao longo da lexislatura, poñendo aquí o foco na problemática do acceso a un fogar para a mocidade.
Nun ano marcado polas manifestacións en contra de Altri, Rueda só sinalou que os proxectos industriais que cheguen a Galicia terán que respectar o medio ambiente. Esta cuestión foi unha das máis polémicas, así como a falta de alusións á renovación do pacto pola lingua.
Pontón canta e Besteiro cociña
O BNG tamén comezou a campaña destas datas por todo o alto. O ano pasado foi moi comentado o momento no que o deputado nacionalista Mini Rivas cantaba unha panxoliña no Parlamento. A isto sumouse que a deputada popular Paula Monzo pedía a palabra despois del para cantar en castelán unha canción dun anuncio de turróns.
Este ano, os nacionalistas subiron a aposta e publicaron un vídeo de Ana Pontón e Mini cantando a panxoliña «Falade ben baixiño». Fixérono, ademais, no medio da Alameda de Santiago de Compostela, onde se ve a xente pasar e incluso como a líder saúda a alguén antes de comezar a interpretación.
A través deste vídeo o partido reforza os seus valores poñendo o foco na cultura galega e na proximidade dos dous protagonistas. Móstrase a Pontón como unha persoa normal, cantando a pesar de non ser unha profesional, nunha escea que transmite certa tenrura.
Ao peche do ano, o partido decidiuse por publicar unha postal acompañada da frase “liberdade, paz e igualdade, na Galiza e no mundo” e unha mensaxe en vídeo da líder nacionalista. Pontón reflexiona sobre un 2024 no que a formación acadou os mellores resultados electorais da súa historia, aínda que estes non chegaran para gobernar.
Así pois, comeza o vídeo agradecendo a confianza e o apoio que “lles permite ter máis forza que nunca para traballar por unha Galiza mellor”. O feminismo e a lingua son os temas que encabezan o seu discurso, aos que se lles suman outros como a loita en contra de Altri e a manifestación de decembro na que participou o BNG.
Pontón sitúase diante da estatua de Rosalía na Alameda para collela a ela como referente ao longo de toda a mensaxe. Se ben no discurso fai unha enumeración dos problemas da terra, a líder do BNG móstrase optimista e promete dar o mellor dela para conseguir mudalos. Con este vídeo mostran un continuismo co discurso que tivo a formación ao longo da campaña electoral, mostrándose crítica, pero sen perder o sorriso e o optimismo.
Por outra banda, o PSdeG escolleu Vilalba para despedir un ano político complexo para o partido. José Ramón Gómez Besteiro volveu poñer o mandilón para cociñar un capón acompañado da alcaldesa da localidade, Marta Rouco, e dun grupo de persoas entre as que destacan as máis mozas.
O líder socialista apuntou a través de X que nesa mesa compartiron «conversas sobre o que realmente importa: os problemas da Galicia real». Así, as acompañantes van mostrando dificultades que teñen en primeira persoa, como o acceso á vivenda ou a complexidade de atopar un traballo que lles permita volver á terra.
A confrontación co PPdeG aparece a modo de chiste nun momento no que Besteiro lembra os 220km/h de Baltar. Porén, o vídeo céntrase en mostrar os problemas que ten unha familia normal galega e evita facer alusións ao Goberno Central do PSOE ou ao da Xunta. Da mesma maneira que o BNG, Besteiro lanza unha mensaxe de ilusión confiando nun 2025 mellor que o pasado ano.
Nos vídeos dos tres partidos trázase unha mensaxe esperanzadora común que encaixa coa narrativa das festas do Nadal e do Aninovo. As principais formacións galegas aproveitan as datas para humanizarse e trasladar unha imaxe máis próxima. Con todo, aprécianse certas diferenzas, xa que vemos como o PPdeG foi o único que quixo entrar en maior confrontación, aínda que esta foi dirixida ao Goberno de Pedro Sánchez. Pola contra, son os partidos da oposición os que optaron polas mensaxes de ilusión apelando por un cambio ante os problemas actuais de Galicia.
A comunicación política en Nadal vólvese cada ano máis intensa, con máis campañas que analizar. Con todo, vese como mentres os populares galegos marcan axenda e comezan a establecer as súas propias tradicións e ritos comunicativos de Nadal, o PSdeG realiza un esforzo menor que chegue para cumprir cos mínimos requeridos para as datas. De feito, só o BNG semella quen de seguirlle o ritmo aos actuais inquilinos de San Caetano, cunha comunicación natalicia que conta cun estilo propio, marcado e diferenciado que vai na liña de traballo habitual de presentarse como verdadeira alternativa e cunha visión e expresión de país contraposta á do PPdeG.
Na despedida do 2024 falouse de temas que seguirán moi presentes o 2025 como a vivenda, Altri ou a lingua. Desde Xacias seguiremos pendentes do que comunican os partidos galegos e de todas as cuestións de actualidade política. Aproveitar as datas sinaladas para marcar temas e posicionar o discurso da formación é fundamental. A nosa cooperativa de comunicación pode axudarche a preparar unha estratexia específica ou de comunicación integral para este tipo de eventos. Se precisas asesoramento, contáctanos!