- A estratexia de comunicación dunha firma consegue crear un vínculo moito máis forte cos seus consumidores cando estes a identifican cunhas ideas e uns valores concretos
O branded content dá resultados nun espazo dixital repleto de estímulos. Na actualidade, a meirande parte de organizacións teñen unha estratexia de comunicación e diferenciarse dentro de tantos mensaxes é complexo. Por iso é tan importante apostar por vías de contacto directo cos consumidores co obxectivo de crear comunidade.
Hai numerosas formas e ferramentas para conseguir isto. O branded content consiste nunha técnica de márketing que busca crear contidos de calidade nos que os usuarios desfruten dunha experiencia e a relacionen coa marca. Esta estratexia trata de transmitir emocións mais que vender un produto ou servizo de forma directa.
A pesar de que é un tipo de comunicación que se fai principalmente en vídeo, pódese adaptar a diferentes formatos e plataformas. De feito, como outro tipo de publicidade, hai a posibilidade de facer campañas de branded content tanto online como offline. Tamén ten a vantaxe de que funciona para sectores e discursos moi diferentes.
Esta estratexia de contidos ten a capacidade de reter aos clientes grazas a transmitir sentimentos. Neste post explicámosche un pouco mellor que é o branded content e como levalo a cabo.
Vantaxes e características
O principal factor diferencial que ofrece o branded content é o valor engadido que aporta ao público. Falamos dun contido interesante para os usuarios, que non o perciben como a publicidade clásica. Así, os posibles clientes prestarán atención á túa campaña, por ser un anuncio que implica emocións e valores.
De feito, unha das cuestións máis importantes nesta estratexia é a de traballar unha historia. As marcas deben coidar unha narrativa, empregar música que quede gravada na memoria dos usuarios e sobre todo apelar ás emocións, importantísimas no márketing de hoxe. Por no centro o propósito da marca fará que os consumidores interesados no tema se vinculen coa firma.
A vantaxe do branded content é que o impacto que recibe o consumidor é positivo e está lonxe da agresividade doutro estilo de publicidade. A clientela querrerá ser participe desta experiencia e formar parte da comunidade que se xera ao redor da marca. Isto permite que o consumidor estableza unha relación a longo prazo coa firma.
Se a túa marca está implicada con causas concretas como pode ser a sustentabilidade, debe reflectilo na estratexia. A clave é insistir nos valores da organización e non nos produtos e servizos. O obxectivo está en que se fale da marca e das historias das campañas, dándolle máis notoriedade.
Como levar a cabo esta estratexia
Podemos dicir que hai tantos tipos de branded content como empresas, pois o importante é adaptar os contidos a cada firma. Hai estratexias que se centran no entretemento, outras próximas ao xornalismo para falar de temas relevantes para a marca e incluso as hai educativas, de maneira que a organización forma ao cliente sobre algunha cuestión.
Para poder elaborar esta estratexia hai que ter definidos os valores da túa marca e á par coñecer cales son os temas que interesan aos teus consumidores. A historia que contes nos teus contidos ten que ser coherente coa organización e próxima aos clientes. Ademais, hai que ter en conta o que está a facer a competencia para que a túa firma se diferencie.
O branded content debe ser entretido e aportar valor aos usuarios. Hai que por empeño en facer unha campaña que se quede na memoria da cidadanía. Todo isto a través dun ton e unha linguaxe emocional que conecte coa audiencia, empregando incluso a interactividade con ela.
Outra cuestión interesante é a de colaborar con outras marcas coas que compartas valores e ideas. Desta maneira pódese chegar a un público maior e crear rede. Hoxe en día moitas organizacións apostan tamén por facer branded content con influencers. Facer campañas con creadores de contido próximos aos teus intereses é un punto a considerar, xa que eles mesmos aportan o ton próximo e fan campañas amenas para usuarios fieis ás súas contas.
Exemplos de branded content
Agora que xa coñecemos un pouco mellor o concepto, pasamos aos casos reais. Son miles os exemplos de branded content que poderíamos expor, pero aí van algúns destacados.
1. Popeye
Un dos primeiros casos de branded content é o de Popeye. Este debuxo animado comía espinacas porque así o quería a Cámara de produtores de espinacas de Estados Unidos. Este organismo encargou a un viñetista que creara un personaxe que axudase a fomentar o consumo deste vexetal.
A venda de espinacas aumentou no país un 33%! Vese como unha historia divertida e próxima ao público axuda a conseguir os teus obxectivos sen dicir explicitamente o que estás intentando vender.
2. Ikea
A empresa de mobles leva anos apostando polo branded content con diferentes campañas. Moitos dos seus anuncios mostran a familias na súa vida cotiá, coas que moitas persoas se poden sentir identificadas. Con todo, Ikea intenta ir sempre un paso máis alá.
Na actualidade están realizando unha serie de episodios nos que contan a historia de diferentes persoas e reforman a súa casa para adaptala á realidade do protagonista. Baixo o lema “Un hogar a tu medida”, un interiorista de Ikea axuda a que o espazo sexa cómodo e adecuado ás necesidades de quen aparece no capítulo. Mostran así realidades diferentes, con protagonistas de todo tipo e historias reais e recoñecibles para os usuarios.
3. Nivea
O branded content pode abranguer todo tipo de presupostos e ser igualmente efectivo. A marca Nivea apostou por unha campaña na que unha doutora respondía ás dúbidas dos usuarios a través de vídeos. Esta serie de #ExpertaEnTuPiel aproximaba a marca aos consumidores á par que servía para mostrar algúns dos seus produtos.
Esta campaña é perfecta para motivar a interacción en redes sociais. As persoas que preguntan están agardando o consello, que pode ir acompañado dunha recomendación de Nivea. Ademais, adáptase a diferentes formatos, dende directos que se poden facer en numerosas redes sociais ata vídeos curtos, claves hoxe en día.
4. Casa Grande de Xanceda
Por último queriamos por un exemplo próximo á nosa realidade. A Casa Grande de Xanceda é unha granxa ecolóxica que fai numerosas campañas relacionadas con temas sobre os que intentan concienciar aos usuarios. Deixan os seus valores de marca sempre moi claros, poñendo o foco en cuestións como o ecoloxismo ou a biodiversidade.
Unha das últimas campañas que levaron a cabo foi a creación dun ecolaberinto nun dos seus maizales. Nesta ocasión déronlle forma de morcego e aproveitaron para informar sobre a importancia do animal na biodiversidade. Este espazo pódese visitar, coincidindo con datas próximas ao Samaín e motivando actividades que levan aos consumidores a coñecer a granxa.
Se queres impulsar unha estratexia de branded content na túa organización, contacta con nós para axudarche a poñela en marcha. En Xacias encántanos motivar a interacción co usuario e facelos partícipes das campañas das marcas.