Comunicación pública: 6 accións para comezar a traballala

Comunicación pública
  • Unha boa comunicación por parte das administracións públicas e as institucións inflúe directamente na relación que manteñen coa cidadanía, mais tamén permite definir e difundir as súas mensaxes de maneira efectiva.

Aínda que a comunicación pública representa un campo de traballo que ten por obxecto a política, en realidade esta disciplina vai moito máis aló e é xa un dos componentes centrais no posicionamento dunha institución no século XXI.

Como sinala Martínez Bargueño (1985), a comunicación pública é a que “trata de identificar e desenvolver ó máximo as relacións coa cidadanía con vistas ó reforzamento do coñecemento que se posúe da administración e a procurar o consenso en torno a súa xestión”. Trátase dun vehículo de transmisión entre o que un goberno desexa comunicar e a mesma cidadanía como principal público dunha institución pública. A comunicación pública caracterízase por catro elementos:

  • Xestiona a relación entre o goberno e os seus públicos (os cidadáns, funcionariado e outros stakeholders)
  • Presenta unha intención colectiva e, polo tanto, pública, que afecta ao conxunto da sociedade.
  • Conta cunha utilidade social, ao traballar con temáticas e mensaxes de interese xeral.
  • Non obedece aos desexos particulares dun goberno (autobombo), senón que responde á visión da institución ou administración ao longo do tempo.
A xestión das relacións informativas e os eventos institucionais, chave na comunicación pública actual

As 6 accións de comunicación pública de Xacias

Dende Xacias Coop recomendamos unha serie de accións e técnicas de comunicación pública que son vitais á hora de achegar unha administración á cidadanía, facilitando a conexión entre ambos e promovendo unha mellora dos seus procesos de transparencia.

Relacionarse coa cidadanía dende a segmentación

Unha institución ou administración pública depende dos seus cidadáns na medida en que son os que lexitiman o sistema e votan por eles. Por iso é preciso que exista un fluxo comunicativo constante coa poboación, de cara a favorecer a conexión entre os dous actores.

Mais non só se trata de comunicarse, senón tamén de adaptarse e segmentar as mensaxes aos públicos obxectivos de cada campaña pública. Só así se asume a complexidade da cidadanía e poden cubrirse as necesidades específicas de diferentes colectivos, personalizando o posicionamento da institución.

Relacionarse cos medios de comunicación de masas

Os medios de comunicación xogan un papel moi destacado na esfera social, ao ser o principal mecanismo de transmisión informativa xunto coas redes sociais. Resultan vitais para a comunicación pública de calquera institución polas súas audiencias e a súa preocupación por temáticas que afecten á sociedade, no mesmo sentido que a administración.

Contar cun gabinete de comunicación é fundamental tamén na actualidade, ao xestionar directamente os eventos e os contidos para a prensa, amais de subministrar contidos aos portais institucionais (a web, a newsletter da administración…). As notas, as roldas de prensa, os dossiers informativos e a xestión das relacións cos xornalistas continúan coma accións chave no actual ecosistema de medios, a cabalo entre o analóxico e o dixital.

Con todo, na actualidade están xurdindo novas narrativas que mesturan o contido xornalístico coa comunicación pública, como son as publirreportaxes (que os gabinetes de comunicación envían ós medios) e a comunicación de marca ou branded content.

Coidar a comunicación visual pública

A marca da institución é algo que se torna simbólico, o selo de identidade e o que queda no imaxinario colectivo da sociedade. A marca, o logo e outros tantos elementos gráficos son feitos comunicativos en si mesmos que non deben quedar de lado, senón renovarse ao compás dos novos tempos. É preciso que a institución revise que a súa identidade visual comunica a mensaxe correcta, que resulte atractiva e útil e poida adaptarse a multitude de formatos dixitais e físicos.

O deseño de banners para os perfís en medios sociais, a sinalización dos espazos públicos, a cartelería ou as orientacións nos transportes colectivos teñen que axustarse aos obxectivos de comunicación pública. Porque todo comunica!

Traballar a presenza nos espazos dixitais

A presenza dunha institución na contorna dixital é imprescindible e ineludible. Toda administración precisa crear unha serie de canles e espazos accesibles onde calquera usuario poida interacuar en igualdade de condicións e de maneira transparente.

O fundamental é contar cun sitio web propio no que se poidan crear e difundir contidos institucionais, axudando ao acceso á información da cidadanía. En realidade, transfórmase no fogar da institución na Internet, dispoñendo de formas de contacto, quen conforma a institución e novidades sobre convocatorias, as súas actividades ou o seu traballo diario.

Da man do sitio web, as redes sociais deben actuar como embaixadas da administración, adaptándose ás particularidades de cada formato da rede e resolvendo as dúbidas que alí se poidan dar.

Trazar vínculos con outras institucións

A administración debe contar cunha clara vocación dialóxica, de tal maneira que poida interactuar e establecer lazos con outras institucións que repercuten, directa ou indirectamente, na súa actividade. A comunicación pública ten que axudar a construír un contexto de relacións amable e fortalecer os vínculos entre institucións a través de accións (eventos ou iniciativas) coorganizadas e difundidas por todos os axentes implicados.

Xestionar os grupos de presión ou lobbies

Ante calquera crise, pode ocorrer que a institución se enfronte a algún grupo de presión que intente mermar a súa actividade. Deste xeito, a xestión comunicativa que se faga e a forma na que responda a institución será determinante.

Débese partir dunha máxima clara: unha institución ten que responder, porque o silencio pode afectar directamente á súa imaxe e reputación. Para emitir unha resposta de calidade, é preciso que tome as rendas da situación e tome decisións. A sinceridade supón a mellor opción das posibles.

Se a institución sofre unha acusación sen fundamento, debe desmentilo de maneira rotunda e crible. Se, pola contra, as acusasións son fundadas, é aconsellable non mentir baixo ningún concepto e aceptar o compromiso de mellorar, recollendo as deficiencias estruturais e eliminándoas do aparato institucional. A mentira sempre sae á luz e pode impactar moi negativamente na percepción da cidadanía sobre a institución, desconfiando dela.


Traballamos xuntos?
+34 624 73 73 46 / info@xacias.com

En Xacias Coop temos un equipo especializado para xestionar todo o proceso de comunicación pública e corporativa. Dende a imaxe de marca ata o gabinete de prensa e a creación de contido institucional, cada paso é importante á hora de construír unha presenza corporativa de calidade e nós temos as ferramentas necesarias para logralo. Contacta connosco ou bota unha ollada aos nosos servizos!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *