5 accións da campaña do 18F

5 accións de comunicación política do 18F
  • A campaña galega do 18F deixou grandes accións comunicativas por parte da maioría dos actores políticos que se presentaron á carreira pola presidencia da Xunta
  • Os equipos de comunicación dos partidos traballaron arreo para desenvolver unha campaña electoral que se recordará moito tempo

Finalizada a campaña electoral e unha vez contado o voto CERA, o pasado 18F as galegas e galegos decidiron a configuración do vindeiro Parlamento de Galicia. O PP de Alfonso Rueda acadou os 40 escanos, o que significa a quinta maioría absoluta dos populares e a primeira do seu líder. 

O BNG continuou a liña ascendente que comezou no 2020. Os de Ana Pontón conseguiron acadar 25 escanos, sumando seis máis que nos anteriores comicios. Os nacionalistas están ante o mellor resultado electoral da súa historia. Isto explícase a través de todo o traballo que levan desenvolvendo durante os pasados catro anos e a gran campaña electoral que realizaron, a cal debullaremos nas vindeiras liñas. 

Pola contra, o PSdeG e José Ramón Gómez Besteiro obtivo o peor resultado da súa historia, baixando de 14 a 9 escanos. A candidatura do lucense esgrimiu non dispoñer do tempo suficiente para explotar ben ao candidato e agora, desde a Rúa do Pino a Ferraz, prepáranse para afianzar o seu liderado, pensando xa no asalto definitivo a San Caetano para o 2028. 

A irrupción de Democracia Ourensana no Parlamento fai mudar a composición da cámara galega, pasando dun arco tricolor a incorporar un amarelo que xa coñecen ben na cidade e provincia ourensás. O partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentábase a estas eleccións co obxectivo de ser chave para decidir o goberno da Xunta e reclamar investimentos para Ourense, o que o propio alcalde denomina como “La cenicienta de Galicia y de España”. 

Finalmente, a candidatura de Sumar Galicia, liderada por Marta Lois, non foi quen de superar a barreira electoral do 5% e quedou lonxe de conseguir acceder ao reparto de escanos que permitiría a súa entrada no Parlamento galego. O mesmo pasou con Vox e Podemos, os outros dous partidos que se presentaban e que si teñen representación a nivel estatal.

Nesta publicación, desde Xacias Coop. queremos achegar cinco accións da campaña do 18F que merecen sen analizadas e debulladas para aproximar a comunicación política á xente que nos le.

5 accións de campaña que chamaron a atención de Xacias

Galicia Rueda

En primeiro lugar, analizaremos un dos spots do máximo vencedor do pasado 18F, Alfonso Rueda. O vídeo de campaña “Galicia Rueda” é unha acción enmarcada no tempo de precampaña que conseguiu crear o efecto que se pretendía. Tirando de sentido do humor, os estrategas do PP de Galicia elaboraron un spot no que se ve a un Alfonso Rueda familiar, coas súas fillas e cos galegos e galegas que se atopa polo camiño. O emprego da familia de Rueda durante a campaña foi unha boa maneira de amosar ao candidato como unha persoa próxima, coma calquera outro galego ou galega.  

Durante o transcurso do spot, Rueda fai o papel dun conductor de autobús que vai recollendo a toda persoa que se atopa. Aos primeiros cidadáns que recolle, pregúntalles por onde se vai ao 2024, en alusión as eleccións que están por vir. Eles responden que se vai “cara a dereita, pero non moito. Despois, todo polo centro”. Esta metáfora e uso da retranca foi unha maneira de remarcar a ideoloxía que o PP pretende facer hexemónica en Galicia, abusando sempre dos termos “tranquilidade, estabilidade, sentidiño”, asociados á centralidade política e ao rexeitamento ao cambio. Queda clara a mensaxe de que todo debe seguir como está. 

O spot continua desenvolvéndose e chega a un punto no que o autobús de Rueda pasa a carón dun posto de venda de frutas, onde se pode ver o lema “Me gusta la fruta”, en alusión á metáfora que empregou Isabel Díaz Ayuso para insultar ao presidente do Goberno. Este uso do humor desatou a polémica en redes sociais, pero logrou un efecto de multiplicación das visualizacións, que era o pretendido polo equipo de campaña de Rueda. Todo nun contexto no que o candidato non era tan coñecido como o seu antecesor e a través do cal lograron posicionarse na axenda mediática

Seguindo co bo uso do humor, o ex-presidente do Goberno, Mariano Rajoy, fai un cameo no vídeo e posteriormente faise referencia a Puigdemont e á amnistía, trasladando o rexeitamento total do PP a este proceso, non deixándoo subir ao bus. 

Deseguido, prodúcense unha sucesión de esceas onde suben ao bus de Rueda nenos, adultos, ancianos, homes, mulleres… en clara referencia a que na Galicia de Rueda entran todos os galegos e galegas. Cara o final, o humor segue vixente e aparecen os integrantes da famosa orquestra El Combo Dominicano. O emprego deste recurso provoca que se amose a Rueda como un político natural, que non ten reparos en poñerse a cantar, bailar ou desfrutar dalgo tan galego como as verbenas. 

En definitiva, desde Xacias Coop. entendemos que este é un moi bo spot electoral. Ten sentido do humor, mensaxe política, boa produción e un candidato que se amosa natural e próximo á cidadanía. A metáfora do autobús que segue o seu camiño sen deterse, en referencia a que Galicia avanza da man de Rueda é excelente. Cómpre destacar que este spot marcou un antes e despois, xa que como veremos, moitos competidores recolleron este marco para facer campaña, polo que tamén pode ser considerado un éxito

Pinchou a Rueda

Nesta segunda análise pódese ver como a utilización dos marcos dos rivais pode converterse nunha boa forma de comunicación política. O vídeo electoral lanzado polo PSdeG é un claro exemplo do correcto uso do humor e da apropiación da linguaxe do rival.

O vídeo comeza do mesmo xeito que o spot do PP, aínda que os socialistas optan por empregar unha furgoneta no canto dun autobús. José Ramón Besteiro conduce o vehículo a ritmo de Tina Turner, coa canción The Best, en referencia ás primeiras letras do apelido do candidato. Con este xogo de palabras o equipo quería representar a Best-eiro como o mellor candidato posible.

José Ramón segue o seu traxecto e ve un autobús parado na beira da estrada. Ao baixar, atópase co conductor, que está a examinar a roda. O candidato pregúntalle que pasa e o conductor di que “pinchou a Rueda”. Este uso da metáfora para sinalar que con Rueda, Galicia pincha, é un excelente recurso para botar abaixo os argumentos rivais. Ademais, broméase con que non hai “Rueda de reposto”, polo que se pretende amosar que a única alternativa ao PP é un Besteiro que recolle a todas as personas que o PP deixa atrás.

Finalmente, neste vídeo que apenas dura un minuto, o candidato pregunta aos pasaxeiros como van, e todos responden que “ben”. Este spot resume á perfección como se deben utilizar os marcos rivais para darlles a volta e conseguir así tombalos e mostrar a un candidato como a alternativa. Do mesmo xeito que no spot do PP, o uso do humor e da retranca son recursos ben empregados que serven para transmitir a naturalidade e cercanía dun candidato.

Chegou o momento de mudar o rumbo

Outro gran exemplo de como empregar os marcos do rival e darlles a volta é este spot que publicou o BNG. O impacto e bo facer deste vídeo baséase na súa orixinalidade. Este spot animado é un xeito excelente de conectar co votante sinalando as debilidades do rival e amosando o necesario que é o cambio que representa o BNG.

Ao comezo do vídeo podemos ver as figuras animadas de Rueda e Feijóo, en clara alusión a que Rueda non é independente e fai o que lle ordenan desde a dirección madrileña do partido. Do mesmo xeito, é unha maneira de evidenciar que o único partido sen ataduras e que só pensa en Galicia é o BNG. 

O spot emprega o humor de principio a fin. Logo de virar á dereita, Rueda pregúntalle a Feijóo se poden subir os líderes de VOX, ao que Feijóo responde chamando a quen de verdade manda no PP, Isabel Díaz Ayuso. Ao final, Abascal e compañía suben no bus de Rueda. Esta é unha maneira moi boa de exemplificar os pactos do PP con VOX e amosar que o BNG está aí para quen queira impedilo.

Seguindo co recurso que impregna todo o vídeo, Rueda tamén deixa subir no seu bus a Jácome, en sinal de que ambos partidos se necesitan para gobernar Deputación e Alcaldía. De novo, o BNG é quen está aí para evitar que os dous actores continuen gobernando xuntos. 

Posteriormente, faise unha crítica á campaña electoral do PP. Desde o BNG sinalan que o contraste entre a pasada campaña e a actual é evidente. Denuncian que o PP abandonou o marco galego para falar de amnistía, Puigdemont e ETA. Do mesmo xeito, un Baltar a 200km por hora adelanta ó bus. Como se ve, o BNG está expoñendo o que para eles significa o PP de Galicia. Os prezos das autopistas, a xestión da crise dos pellets, a manipulación da TVG e dos medios públicos, o abandono á xente moza e da sanidade pública ou a nula transferencia de competencias son algúns dos exemplos que emprega o partido para criticar a xestión do PP.

Este spot representa outro exemplo perfecto de como se pode empregar o humor e a orixinalidade para deixar en evidencia a un rival nunha campaña. Con esta publicación, o BNG pretende amosar que en “Galicia non hai ninguén ó volante”, facendo referencia ao tema que guiou os principais spots electorais, o autobús de Rueda. Se ben entrar nos marcos do teu rival sempre é algo complicado, un vídeo tan diferente como o dos nacionalistas conseguiu sorprender aos galegos e galegas.

O TikTok de Sumar Galicia

Outra boa ferramenta de comunicación política que está en auxe na actualidade é TikTok. Esta é unha rede social formada por un público moi mozo. A importancia de TikTok reside en que o seu radio de influencia comprende aos electores menores de 35 anos, os cales forman parte do principal caladoiro de votos de Sumar.

TikTok é unha ferramenta comunicativa que posibilita aos equipos de campaña relacionarse cos mozos e mozas a través de mensaxes sinxelas e rápidas. O electorado xuvenil dispón da súa propia linguaxe e intereses, así como uns códigos comunicativos específicos. Un exemplo do bo uso é o TikTok de Sumar Galicia. Durante a campaña electoral explotaron diferentes formatos na rede co obxectivo de aproximarse á mocidade galega con vídeos que seguían as tendencias dixitais do momento

@sumargalicia

PEC, servir cona e demáis expresións xen Z con Íñigo e Marta 🫶🏻 #SumarGalicia #PEC #MartaLois #Iñigoerrejon @Sumar

♬ sonido original – Sumar Galicia

Non é fácil aplicar unha boa estratexia comunicativa en TikTok. É necesario contar con talento e creatividade para explotar as amplas posibilidades que posúe esta ferramenta dixital. En TikTok todo é visual, cunha linguaxe divertida e desenfadada, onde non existen barreiras e o importante é mostrarse con naturalidade e seguir as tendencias. Desde Sumar Galicia quixeron ensinar á súa candidata tal e como é a través desta rede social.

@sumargalicia

Onte Marta contounos como se preparou para… Saltar en parapente. SumarGalicia MartaLois FagamoloPosible

♬ sonido original – Sumar Galicia – Sumar Galicia

Os políticos que publican contido viral nesta rede social teñen un denominador común: falan directamente ao público novo cunha linguaxe clara, facilmente entendible e chea de estímulos musicais. Quen sabe adaptar o seu contido, mimetizando as preferencias do público novo, é quen ten máis posibilidades de facer chegar a súa mensaxe. Outro gran exemplo de saber a quen te estás a dirixir e como o tes que facer é este outro vídeo.

En definitiva, a estratexia de comunicación de Sumar Galicia para TikTok é un gran exemplo de como aproveitar unha ferramenta tan potente. O equipo de campaña entendeu que se deben facer estratexias diferenciadas para redes, formatos e públicos específicos. Desde Sumar Galicia aproveitaron a naturalidade da súa candidata, Marta Lois, para transmitirlla á mocidade galega, que era o seu principal target electoral

A la Xunta

Profesionais da música e a política, sen diferenciar o espectro ideolóxico e a reivindicación social, teñen empregado cancións para facer chegar lonxe as súas mensaxes. A vinculación entre as cancións e as campañas electorais non é nada novo, vense xestando desde fai xa moitos anos. 

Xavier Peytibi, politólogo e consultor en comunicación política, escribía que a identificación é unha das chaves para establecer unha vinculación emocional entre o político e á cidadanía. En palabras de Peytibi: “identificámonos máis con alguén alegre, cuxa percepción nos vai provocar velo con optimismo, entusiasmo, xovialidade ou esperanza. Un dos modos rápidos para que alguén nos faga sentir é a través da música”. 

Unha das accións de campaña máis relacionadas co emprego da música en campaña son os spots musicais. Estes adoitan realizarse de dúas maneiras, xa sexa adaptando unha canción coñecida ou creando unha desde cero. A letra do spot precisa comunicar as principais calidades da persona que lidera a candidatura e/ou as principais medidas do seu programa electoral.

É por isto último que dende Xacias Coop. sentimos a necesidade de analizar e loubar a acción de campaña presentada por Democracia Ourensana. O líder de DO e alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lanzou nas súas redes un spot musical que se fixo viral en poucos minutos.

A versión adaptada por DO substitúe o famoso retrouso no que Village People cantaba “In the Navy” por “A la Xunta”, que o propio alcalde entona fronte a cámara con baile incluído. «A la Xunta, Ourense va a decidir, a la Xunta, Ourense va a resurgir en la Xunta«, di a cover do partido.

O vídeo recolle á perfección todo o que debe conter un spot electoral destas características. Nun primeiro momento, apélase directamente a todos os cidadáns da provincia para facerlles saber que son eles e elas os que poden decidir un cambio de rumbo para Ourense. Deseguido, fai un repaso polas principais vilas da provincia e invoca o espírito dunha tradición tan arraigada na zona como é o Entroido, aproveitando que as eleccións se celebran nese tempo. 

Coa chegada do retrouso do jingle, é aquí onde se recolle a principal aspiración de Jácome e DO, obter representación no Parlamento de Galicia para ser chave na configuración do futuro goberno galego. Toda a campaña foi baseada en poder aspirar a influír nas políticas de San Caetano para que Ourense deixe de ser a cinsenta de Galicia e España, como eles argumentan. Do mesmo xeito, esta idea transmítese e encaixa de maneira excelente coa forma de comunicar de Jácome, unha persona extrovertida e que non dubida en facer todo o posible para darse a coñecer. 

Desde Xacias Coop. destacamos esta acción como unha das mellores que se viron na campaña galega. Para concluír, cómpre destacar que a relación entre música e política está presente desde as orixes das campañas electorais. Do mesmo xeito, a revolución tecnolóxica e as diferentes plataformas sociais teñen aumentado as posibilidades de crear contidos atractivos con obxectivos políticos.

A nosa axencia de comunicación en Galicia está especializada en comunicación política e institucional. Se formas parte dun partido e queres facer unha acción de campaña tan interesante como as citadas, contacta connosco!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *