25N: tres campañas galegas de sensibilización

feminists, march, protest

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde as institucións realízanse campañas de sensibilización para visibilizar e concienciar a sociedade arredor desta lacra. O obxectivo deste tipo de accións proxectadas desde os poderes públicos é influir na comunidade para que acepte, rexeite ou modifique actitudes ou comportamentos machistas que repercutan de xeito beneficioso na loita contra o patriarcado.

Tradicionalmente estas campañas adoitaban poñer o foco na vítima e na súa contorna, interpelándoas e sinalándoas directamente para que deran o paso, para que denunciaran. Non obstante, esta dinámica racha no ano 2008 co memorable «Ante o maltratador, tolerancia cero», levado a cabo polo Ministerio de Igualdade, que por fin pon a atención en quen realiza a agresión e non en quen a sofre. Nela interpélase de forma explícita aos homes, amosando unha linguaxe clara de rexeitamento cara o agresor, reclamando a súa intervención contra a violencia machista.

Con todo, sigue habendo accións de sensibilización que non cumpren esas premisas e rematan por culpabilizar a vítima. É o caso da campaña institucional do 25N do pasado ano da Xunta de Galicia, «Non debería pasar, pero pasa». O obxectivo da mesma era poñer no punto de mira a violencia normalizada a través de situacións cotiás, mais foi criticada ao situar as mulleres como responsables das agresións recibidas por non contar cun enfoque axeitado.

Desde Xacias centramos a mirada en tres campañas impulsadas este ano por institucións e partidos galegos para o 25N:

Sen prórroga

O Concello de Santiago procura baixo o lema «Non hai prórroga para o machismo. O teu machismo dá noxo» convidar á cidadanía a reflexionar sobre os comportamentos e formas de violencias machistas que son a causa dos feminicidios. A campaña, creada pola produtora creativa Illa Bufarda, conta con dúas liñas de sensibilización: a comparación do machismo con alimentos en mal estado e a difusión das discriminacións que sofren as mulleres no ámbito deportivo.

Por unha banda, compóñense materiais nas que a nivel textual se definen comportamentos machistas como o mansplaining ou a sextorsión, relacionados con termos como balorento, podre, reseso, etc. e acompañados a nivel visual de alimentos en mal estado. Así búscase provocar un rexeitamento que se traslade tamén contra quen exerce ese tipo de violencia.

Na segunda liña da campaña dáselle voz e rostro ás discriminacións sufridas por parte de deportistas compostelás ao longo da súa traxectoria, como é o caso de Vero Boquete. As propias deportistas relatan a súas experiencias en vídeos de curta duración, tamén plasmadas logo en material gráfico e cartelaría. Esta acción resulta de grande interese no contexto actual logo do movemento #SeAcabó, orixinado tras a agresión sexual de Luis Rubiales a Jenni Hermoso, no que diferentes deportistas sinalaban situacións machistas que padeceran para rematar coa impunidade.

A distribución das pílulas informativas protagonizadas polas mulleres deportistas faise a través dos diferentes perfís en redes sociais do CIM, de Compostela, Territorio das Mulleres e da Casa Xohana Torres. Ese apartado dixital compleméntase coa campaña física mediante a colocación de lonas e carteis en diferentes espazos públicos da cidade e a distribución de materiais en diferentes formatos ao longo de establecementos comerciais e hosteleiros.

Crush ou catacrush

A Delegación do Goberno en Galicia pon o foco nas redes sociais coa súa campaña «Crush ou catacrush» coa que procura axudar a distinguir comportamentos tóxicos que se poden dar dentro dunha relación. Parte dun xogo de palabras arredor do termo Crush, utilizado pola mocidade para referirse ao sentimento de atracción cara alguén; e a contraposición con Catacrush, que se podería relacionar con catástrofe. Así efectúa unha oposición clara entre unha relación sa e unha que non o é.

O público desta campaña está claramente definido pola xente nova, cun formato próximo á narrativa das xeracións mozas. De feito, imítase a interface dunha coñecida aplicación de citas, substituíndo os botóns de gústame e non me gusta polos xa comentados de Crush e Catacrush, co que se mostra claro o rexeitamento a comportamentos machistas.

Máis alá da propia mensaxe principal co xogo de palabras e a estética, a acción compleméntase con información sobre actitudes machistas e datos de violencia cara as mozas. É dicir, que asemade de resultar chamativa e atractiva, ten tamén un marcado carácter divulgativo que forma e pon en alerta das cuestións arredor das que xira a campaña.

Aínda podemos dicir que cumpre co seu cometido a nivel visual e comunicativo de achegarse ás persoas mozas, en redes sociais só se está a publicar nos perfís de Twitter e Facebook da Delegación do Goberno. Bótase en falta a creación de pezas noutros formatos, como vídeos curtos, que se poidan distribuir nas plataformas nas que si se atopan os destinatarios da mesmo, como Instagram ou Tik Tok.

Feminist advisory

Por último queremos falar dunha campaña levada a cabo por un partido político galego. O PSdeG céntrase tamén na xente moza e busca sensibilizar arredor da violencia sexual e dos perigos existentes no ecosistema dixital. Fano ao reproducir o recoñecido selo de aviso parental cun «Feminist Advisory» para alertar sobre este tipo de violencias, actitudes ou contidos contra as mulleres.

O cometido é divulgar sobre as violencias sexuais menos visibles e aquelas que suceden ao abeiro das novas tecnoloxías como a sextorsión, o consumo de pornografía ou o grooming. Logo, a organización política realiza unha acción dirixida aos agresores, sinalando directamente as súas condutas machistas. Ademais faino cunha linguaxe directa e explícita, dándolle a dimensión necesaria e poñéndolle nome a este tipo de actitudes para que non pasen desapercibidas.

Estamos entón ante unha campaña sinxela, que logra chamar a atención, e que ao mesmo tempo pon o foco onde hai que poñelo, mentres leva a cabo unha tarefa formativa explicando eses novos tipos de agresión que poden ser menos coñecidos para o público xeral. Con todo, séguese a precisar tamén nesta campaña, que tendo como público obxectivo a xente máis moza, non se amplíe a súa difusión a formatos máis accesibles e atractivos para ela na vez de predicar no deserto.

Claves dunha boa campaña de sensibilización feminista

Para activar este tipo de campañas é fundamental ter en consideración diferentes factores. Primeiramente, é necesario establecer os focos axeitados, sinalando os agresores e os comportamentos machistas sen ambaxes e que en ningún momento poñan en cuestión as vítimas. O obxectivo é lograr a implicación de toda a sociedade no seu conxunto para fomentar a condena social cara a violencia machista e que exista un cambio nas conductas non culpabilizar a quen a sofre.

Ao mesmo tempo, á hora de construír as mensaxes, débese fuxir daquelas de carácter cosificador, paternalista ou que reforcen estereotipos de xénero. As mulleres deben estar representadas desde a pluralidade, á vez que se potencia a confianza e independencia das vítimas, fuxindo da trivialización. Doutra banda, como vimos tamén nas campañas que comentamos, é importante traer á palestra a diversidade das violencias machistas.

Neste tipo de campañas ten maior prioridade a mensaxe de sensibilización e divulgación que un impacto fácil que non comunique claramente a condena á violencia machista. En definitiva, esta tipoloxía de accións levadas a cabo desde as institucións públicas non son nin moito menos a única vía para erradicar a violencia machista, pero desempeñan un papel crucial para concienciar, educar e mobilizar, contribuíndo á construción dunha sociedade igualitaria que rache co patriarcado.

Falamos?
+34 624 73 73 46 / info@xacias.com

Se queres que un axente especializado xestione a túa comunicación política ou institucional, en Xacias podemos axudarche a logralo. Gabinete de prensa, asesoramento no deseño de relatos, contidos dixitais e community management... o que precisas a nivel comunicativo, ao teu alcance.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *